FACULTADE DE FILOLOXÍA
Trátase doutro edificio no que é ben patente a agrupación dos espazos dedicados á investigación, por unha banda, e á docencia por outra. Proxectado a finais dos anos 80 por Alberto Noguerol, organízase nun corpo orientado ao sur que aloxa os espazos docentes, e que pecha coa súa fachada as perspectivas que dende a cidade se teñen da valgada do Burgo das Nacións, facendo de pano de fondo. Ao tempo oculta desa perspectiva as vivendas sociais de Vista Alegre.
Aberto a ese barrio, cunha fachada de composición máis miúda e repetitiva, sitúase o bloque de departamentos, orientado ao norte, cunha escala máis acorde coa das vivendas do outro lado da rúa. Esta disposición, con grandes fiestras ao sur e pequenos ocos ao norte, resulta moi eficaz compositivamente, pero termicamente o seu funcionamento non é tan bo. Entre os dous bloques sitúanse espazos comúns: salón de actos e biblioteca.
Comentarios
Publicar un comentario